Por unha UVigo profesionalizada
na que o PTXAS tamén conte

JACOBO PORTEIRO

"Un erro que se cometeu nos últimos anos foi a asignación de funcións a direccións de área, creándose un segundo nivel de goberno-administración."

O candidato de ConSenso creará unha vicerreitoría para a modernización da administración. Se é reitor revisará o peche completo de centros en verán e premiará as iniciativas de mellora por parte do PTXAS.

23 preguntas a Jacobo Porteiro

Pode adiantarnos algo sobre o equipo de goberno que vai propoñer, ou polo menos o número aproximado de vicerreitorías?

Non está pechado aínda (a entrevista realizouse no mes de febreiro). Configuramos un equipo de traballo para a campaña e deste grupo sairán os membros do equipo de goberno. Queremos ter en conta a opinión de todo o persoal e que a candidatura sexa moi plural.

En canto ao número de vicerreitorías non haberá grandes sorpresas. Moi similar aos que viñamos tendo. Non temos previsto un gabinete do reitor, pero poida que si exista algún adxunto para temas moi concretos.

O que si podo comentar xa e que nos gustaría ter unha vicerreitoría centrada na modernización da administración. Quen estea ao fronte será xurista, do ámbito do dereito administrativo. Para que este proceso se faga con todas as garantías legais. Os Servizos, as Unidades  e a parte tecnolóxica, lóxicamente, asistirán e participarán activamente neste proceso.

 

Comentou que, de gobernar, o xerente do seu equipo será Manuel Jáuregui. Pode confirmarnos isto e adiantarnos se hai prevista unha estrutura para o equipo xerencial? 

Confirmo que a persoa que levo como xerente é Manuel Jáuregui. Respecto á estrutura da Xerencia, non podemos confirmar agora mesmo se será persoal da UVigo ou de fóra pero si podo confirmar que a estrutura será moi compacta, cunha ou dúas vicexerencias como máximo.

 

En canto ás direccións de área e cargos similares, ten previsto limitar o seu número? Respecto ás funcións que deben desempeñar, vai terminar coa asunción por parte destes postos de funcións que claramente corresponden ao PTXAS?

Antes que nada, hai que dicir que o goberno debe facer política, non implicarse directamente na implementación. A estrutura do goberno debe contar cos servizos e así se gañará en eficiencia. Creo que é un dos grandes erros que se cometeu nos últimos anos, a asignación de funcións a direccións de área, de forma que se creou un segundo nivel de goberno-administración. Isto xera un desapego no PTXAS que agora debemos reverter, porque é unha das cousas máis negativas que existe actualmente.

A miña proposta é unha dirección de área ou como máximo dúas por vicerreitoría, coas función que comentei anteriormente: exclusivamente políticas.

 

A CRUE recomenda para asegurar a eficiencia e a calidade na xestión universitaria, avanzar cara unha ratio de 1 a 1 entre o PTXAS e o PDI. Na nosa universidade temos 789 PTXAS e 2.401 PDIs. Que opina disto?

Non se pode esixir máis a ningún colectivo sen unha aposta polo persoal, a RPT é moi antiga e só se foi parcheando, facendo modificacións parciais que non solucionan os problemas. É necesaria a planificación e a captación de persoal, de talento, así como fomentar por enriba de todo, a cualificación, a formación e a promoción dos nosos PTXAS.

 

Ten pensado introducir control horario? 

Non neste momento, non como medida aillada. O control horario debe ser un instrumento máis, ben regulado, para facilitar a conciliación familiar e laboral, como tamén pode ser o teletraballo e a flexibilidade horaria, ou incluso a promoción profesional horizontal, non para a verificación do cumprimento de obrigas, todos sabemos cales son as nosas obrigas como empregados dunha universidade pública, e nunca de forma punitiva. En caso de implantalo habería que analizar como facelo para o conxunto da comunidade universitaria. 

 

O teletraballo, vai ser unha prioridade? 

É necesario regulalo, incorporalo. Penso que é importante que coexista coa presencialidade, necesaria para formar equipo. O contacto non se debe perder. É dicir, non creo no teletraballo pleno pero si como unha ferramenta que permita a conciliación e moitos outros temas.

 

A política de promocións internas na UVigo situonos na grave situación actual onde non hai relevo para os postos de nivel superior. Que accións ten previsto para solucionar este problema? De cara ao futuro, que accións vai levar a cabo para tratar a remuda xeracional do PTXAS? 

En primeiro lugar é necesario realizar un diagnóstico: de estrutura, de servizos, de escalas… de aí sairá unha planificación. Non se pode improvisar ano a ano como substituír as xubilacións que van xurdindo. Deberiamos poder modelar a evolución do noso cadro de persoal e ver que áreas hai que reforzar ou reestruturar. Hai que negocialo, poñer os datos enriba da mesa con total transparencia. E todo isto debe ir da man da formación ao persoal. Porque a formación transversal é importante pero hai servizos que precisan unha formación moito máis específica para incrementar as súas capacidades.

 

Como concibe a formación do PTXAS? E en particular a formación transversal en inglés e TICs?

A formación en inglés e TICs é necesaria para todos os postos. Pero como comentaba, o plan de formación debe preparar ás persoas para as novas funcións a desempeñar. Tamén creo que é necesario buscar ferramentas de intelixencia artificial europeas, porque nese sentido estase a perder a soberanía. É preciso recuperar esa soberanía europea.

 

Que opina sobre o peche da universidade en verán, pensa mantelo?

O peche completo non ten moito sentido porque hai certa actividade que é necesario manter: investigación, alumnado, contratación de profesorado, etc. Haberá que planificalo ben coas xefaturas de unidade. O aforro enerxético que se consegue co peche é moi baixo, seino por experiencia, e non xustifica os inconvenientes que xera.

Pode que sexa máis lóxico o peche nalgúns centros, haberá que avalialo. Pero o peche total non parece o máis acaído nin o máis eficiente.

 

Que plans ten para o desenvolvemento tecnolóxico da universidade? Que estrutura concibe para a ATIC? 

Hai que escoitar ao servizo e as súas propostas porque son quen mellor coñecen a situación. E logo facer unha análise polo miúdo de todo isto. Non cabe dúbida que temos que dar un pulo ás nosas capacidades. Faremos unha aposta decidida co noso persoal, por mellorar neste ámbito.

 

Hai intención de continuar con Sigma ou pode considerarse unha volta a Xescampus?

Non vexo posible a volta a Xescampus, o consorcio das tres universidades desfíxose. Hai que seguir adiante e aprender de todo o que non se fixo ben. Non se contou cos servizos, a posta en marcha non foi a máis adecuada pero non creo que houbese un erro na elección do programa. 

Hai que diferenciar entre política e xestión. Se a implementación faise mal, xérase un desapego entre o persoal e a ferramenta. Agora mesmo hai descontento xeneralizado entre o PDI e o PTXAS porque o programa está pouco particularizado para os nosos procedementos, pero hai que traballar niso. 

 

Que opina sobre a dotación do noso Servizo de Prevención de Riscos? Vai reforzarse ou seguirá a tendencia de externalización de servizos actual?

En xeral, todo servizo infradotado debe crecer en postos. Como modelo, debe realizarse a análise e fortalecemento dos servizos propios. Non podemos perder as nosas capacidades estratéxicas.

 

A negociación da próxima OPE comezará pouco despois das eleccións. Como formula a introdución da promoción interna na mesma e que planificación hai a medio e longo prazo?

Hai que planificar a estrutura do PTXAS e aí deben estar relacionados tamén os plans de promoción, formación, etc.  Isto tanto para o relevo xeracional do persoal, como para o fortalecemento de servizos ou reestruturación, no seu caso.

 

A escusa para a paralización da carreira horizontal na UVigo foi sempre o seu custo, que a Xunta non financia. Que opina deste asunto?

A carreira horizontal é unha prioridade. Demostrou ser un incentivo que funciona moi ben nas administracións en que se despregou. Se a traba que pon a Xunta é a masa salarial, haberá que pelexalo alí mesmo.

 

Como pensa incrementar a participación do PTXAS na gobernanza da universidade? Como van participar no seu anunciado proceso de automatización de procedementos?

Creo que existe entre o PTXAS certo desapego e apatía debido a que hai demasiado persoal opinando sobre as súas funcións. Cremos na creación dun sistema “de abaixo para arriba” porque debe terse en conta o proceso dende abaixo, dende a persoa que realiza o trámite. Por iso, estamos valorando a creación dunha unidade de persoal de administración e servizos que, vinculada á nova vicerreitoría que comentaba antes, identifiquen ineficiencias e fagan propostas de mellora, recibindo suxestións e propostas de calquera persoa que xestione procesos.

A maiores, queremos premiar as iniciativas de mellora realizadas por PTXAS e PDI para incentivar a participación. Todo isto debe falarse máis en detalle pero as ideas están aí.

 

Pode garantir que non se van realizar recortes nos actuais días concedidos por diversas causas? (Carnaval, semana santa...)

Non se van facer recortes dese tipo. Temos que poñer o foco en incentivar a eficiencia, a corresponsabilidade e a procura dos mellores resultados, non nos recortes nin nas penalizacións.

 

Levamos oito anos agardando por unha nova RPT. Como ten previsto encamiñar o seu proceso de actualización? Cales serán os pasos a seguir e o cronograma? Cal será a participación do PTXAS?

O PTXAS é fundamental. A nova RPT debe contar coa participación das xefaturas de servizo e unidade, coas mesas de negociación, etc. Debe negociarse con transparencia e pensando no futuro, planificando o envellecemento do cadro de persoal, as substitucións, as novas ferramentas…

Non se poden dar prazos concretos de antemán pero somos conscientes da urxencia deste tema. Debe ser unha das primeiras cousas a abordar tras a toma de posesión.

 

Ten previsto a normalización de todos os postos que agora se levan a cabo con contratos en precario ou incluso bolseiros pero en realidade son estruturais?

É urxente a incorporación de postos fóra de RPT no marco desa análise do que se está a facer, de como se está a facer e do que queremos facer, e sempre de forma transparente e de xeito dialogado cos servizos e cos representantes dos traballadores. Tamén hai que pensar no colectivo PDI-C, é dicir, o persoal que realiza as funcións máis próximas á escala administrativa. Imos crear este colectivo porque hai persoal en moitos centros que xa é estrutural.

 

En canto a cobertura de baixas e ausencias do PTXAS, como entende que se debe realizar? (Tempos, criterios de cobertura)

Deben cubrirse sen dilación, sen dúbida algunha.

 

Ten plans específicos relativos ao PTXAS para os campus de Ourense e Pontevedra?

Con independencia do campus en que presten servizo, o noso proceso será o mesmo: análise da situación e reforzo onde sexa preciso. O que si está claro é que non se poden crear centros sen dotarse con PTXAS porque isto xera unha asimetría que á súa vez xera desapego no persoal.

 

Que medidas ten pensado introducir respecto a conciliación?

As mesmas que xa existen noutras administracións, mentres non prexudique ao servizo aos usuarios: teletraballo, flexibilidade horaria…

 

Que medidas se van tomar en canto a infraestruturas? Consideran o deseño dun plan de choque de mantemento?

Efectivamente, temos que procurar que o que temos, estea ben coidado. É necesario o deseño dun plan de mantemento das infraestruturas existentes porque senón o que temos é centros pouco funcionais.

 

De existir segunda volta nas eleccións e darse as circunstancias, uniríase a unha das outras dúas candidaturas?

O proxecto de ConSenso é un proxecto autónomo, construído desde a pluralidade e cun programa propio, claro e coherente. Naceu para ofrecer unha alternativa sólida e non como instrumento para integrarse noutras candidaturas nin para formar parte de negociacións de reparto.

Respectamos profundamente as demais opcións, pero a nosa responsabilidade é defender as ideas e a confianza das persoas que apoian este proxecto. Por tanto, ConSenso non vai negociar a súa entrada noutra candidatura nin participar en acordos que dilúan o seu programa. Se hai segunda volta, presentaremos o noso proxecto con total independencia e serán os membros da comunidade universitaria quen decidan. Se non participamos da segunda volta, ogallá as outras candidaturas vexan ideas valiosas na nosa proposta e saiban incorporalas.

 

Por unha UVigo profesionalizada na que o PTXAS tamén conte.

Information icon

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.