CARMEN GARCÍA MATEO
"Queremos ofrecer promoción e estabilidade implementando un calendario estable de OEPs con convocatorias de promoción interna xustas e asumibles"
A Candidata de Nós contará cunha vicerreitoría para transformación organizativa e outra para a incorporación da intelixencia artificial.
23 preguntas a Carmen García Mateo
Pode adiantarnos algo sobre o equipo de goberno que vai propoñer?
O equipo será transversal, buscando que as vicerreitorías non funcionen como compartimentos illados, senón fortemente coordinadas entre si. Transformación organizativa e incorporación da intelixencia artificial serán dúas áreas de especial relevancia polo seu impacto transversal.
Pode adiantarnos quen vai desempeñar a Xerencia e cal vai ser a súa estrutura? A intención é traer persoal de fóra para cubrir estes postos ou intentar captar persoal da propia universidade?
O goberno contará co apoio dun equipo xerencial composto por profesionais da administración pública con experiencia en xestión económica e de persoal. Contamos coa incorporación de persoal propio nas vicexerencias, aínda que coñecemos as limitacións da UVigo para os relevos en postos de nivel e os problemas que xera neste momento quitar as persoas da estrutura administrativa. Confiamos en atopar solucións satisfactorias a ese impedimento. A comunidade universitaria pode ter a certeza de que o noso equipo delegará decisións de execución nunha xerencia solvente e dialogante; o que nunca fará será delegar a responsabilidade desas decisións.
En canto aos cargos auxiliares (direccións de área, adxuntos, etc) ten previsto limitalas no seu mandato en canto a número? Respecto ás funcións que deben desempeñar, vai terminar coa asunción por parte destes postos de funcións que claramente corresponden ao PTXAS?
Este é un dos puntos onde o programa será máis explícito en canto á organización do traballo. O cadro de PTXAS non medrou en proporción a como o fixo o cadro global da UVigo. Isto é así porque en moitos postos optouse por solucións que non aportaron un enriquecemento profesional á Universidade, e resultaron ser meros remendos puntuais sen valor de futuro. Nós comprometémonos a realizar unha revisión e racionalización das direccións de área e adxuntías para evitar o crecemento innecesario da estrutura política. Os cargos de libre designación ou políticos non asumirán funcións técnicas que correspondan ordinariamente ao PTXAS. Estamos decididos a rematar coa intrusión funcional e a devolver a autonomía de xestión aos servizos profesionais da universidade.
A CRUE recomenda para asegurar a eficiencia e a calidade na xestión universitaria, avanzar cara unha ratio de 1 a 1 entre o PTXAS e o PDI. Na nosa universidade hai 789 PTXAS e 2401 PDIs. Que opina disto?
A ratio actual de un PTXAS por cada tres PDI reflicte un grave déficit estrutural e organizativo na nosa universidade. Como dicía antes, o colectivo PTXAS foi o menos beneficiado nas políticas de relevo xeracional da UVigo. Agora estamos nunha situación crítica que esixe respostas rápidas e sólidas a un problema que xa non está no futuro próximo, senón no día a día. Esta carencia de persoal técnico supón tanto unha sobrecarga como un risco de colapso en procesos clave. Implantar unha nova RPT con un número suficiente de efectivos non é soamente unha prioridade, é unha urxencia para o próximo mandato.
Ten pensado introducir control horario?
Como non pode ser doutra maneira, as condicións laborais do persoal serán negociadas de xeito transparente e consensuaranse coa representación sindical. Para nós o debate non é “control si/non”, senón que todos os colectivos poidamos dispor dunha organización xusta e compatible coa diversidade de postos de traballo. Onde a normativa e a natureza do posto o requiran, poderán establecerse sistemas de rexistro simples e orientados a garantir dereitos, conciliación e seguridade xurídica. En paralelo, queremos avanzar cara a avaliación por obxectivos e calidade do servizo, coherente coa avaliación do desempeño prevista no EBEP.
O teletraballo. Vai ser unha prioridade? Que opina do actual programa piloto?
Será unha prioridade en todas as unidades nas que sexa viable, sen penalizar unidades presenciais, con regras operativas claras, como tramos de presenza común, marxes de flexibilidade e establecemento de obxectivos. Cremos que debe ir subordinado á garantía de atención á comunidade universitaria e con seguimento de equidade entre campus e unidades.
Polo que respecta ao plan piloto, coñecemos a súa posta en marcha na ATIC e informalmente tivemos un retorno positivo sobre a experiencia, pero non dispomos de datos obxectivos que nos permitan facer unha valoración técnica adecuada. Cómpre unha avaliación con datos desa experiencia, como o impacto nos tempos de resposta, a carga de traballo, a coordinación do persoal, etc. e, a partir de aí, poderemos traballar nun modelo estable con criterios claros de acceso, dotación de medios e dereito á desconexión e á conciliación.
As políticas de promoción interna da UVigo levaron á grave situación actual onde non temos relevo para os postos de nivel superior. De cara ao futuro, que accións pensa levar a cabo para tratar a remuda xeracional do PTXAS?
Solucionar a falta de relevo en postos superiores é garantir o futuro do PTXAS. A nosa estratexia céntrase primordialmente en aproveitar ao máximo o talento co que xa contamos na casa. O nivel de sobrecualificación do persoal que temos actualmente non é admisible cando son precisamente perfís de alto nivel o que requirimos. Nós queremos ofrecer promoción e estabilidade implementando un calendario estable de Ofertas de Emprego Público con convocatorias periódicas de promoción interna xustas e asumibles, con temarios acaídos aos tempos de traballo e ás funcións a desenvolver.
O obxectivo é desatascar a estrutura administrativa, acabando co estancamento profesional que hai actualmente e valorando a experiencia interna para poder cubrir niveis superiores. Para asegurar unha correcta remuda xeracional é preciso realizar unha planificación proactiva que identifique as xubilacións próximas, e deseñar plans de formación específicos en liderado e xestión para capacitar ao persoal actual, garantindo ao mesmo tempo que a universidade sexa un destino profesional atractivo e competitivo.
Como concibe a formación do PTXAS? Como concibe, en particular, a formación transversal en inglés e TICs?
A formación do PTXAS concibímola como un dereito e unha ferramenta estratéxica para a modernización da universidade. Creo que debe integrarse plenamente na carreira profesional para que teña efectos reais na promoción e no recoñecemento do traballo. Por unha banda, centrarémonos en que a formación non sexa xenérica, senón que dispoña de itinerarios específicos para responder ás necesidades reais de cada servizo. Debe ser tamén certificada e baremable se queremos que se converta nun incentivo directo para a mellora continua e o ascenso profesional. Debe estar integrada dentro da xornada laboral, utilizando modalidades presenciais, en liña ou híbridas para garantir que todo o persoal poida acceder a ela sen sacrificar a súa vida persoal.
Polo que respecta a linguas e TICs, considerámolas áreas críticas para dous elementos claves do noso programa: a proxección internacional e a transformación dixital. Por iso apostamos por unha oferta permanente de cursos de capacitación lingüística enfocados á xestión e en competencias dixitais avanzadas para axilizar a administración electrónica.
Que opina sobre o peche da universidade en verán? Pensa mantelo?
Haberá tempo para debater coas unidades e a representación do persoal e tomar unha decisión para o vindeiro ano sobre como se afronta esta cuestión. A necesidade de manter servizos mínimos e postos activos por necesidades derivadas do comezo de curso ou por convocatorias específicas, fainos pensar que probablemente o obxectivo de eficiencia que se pretende non se alcance de xeito satisfactorio. Por outra banda, sabemos tamén que o peche durante uns días pode ter unha influencia positiva a nivel de descanso e desconexión, favorecendo que non se acumulen tarefas ou correos electrónicos durante as vacacións.
Nós somos partidarios de manter medidas de eficiencia enerxética e organizativa, pero cremos que a atención debe quedar garantida en canles dixitais e presenciais onde proceda e por suposto, a planificación debe ser pactada coas unidades para evitar que se traduza en sobrecarga de traballo antes e despois do peche.
Que plans ten para o desenvolvemento tecnolóxico da universidade? Que estrutura concibe para a ATIC?
O desenvolvemento tecnolóxico articúlase como un piar da transformación dixital, priorizando a ciberseguridade e a administración electrónica para reducir a burocracia. A estratexia céntrase na modernización da ATIC, o reforzo das infraestruturas e a capacitación do persoal. Isto é, unha estrutura máis profesionalizada e transversal, que deixe de ser un servizo de mantemento para converterse nun socio estratéxico da academia e a xestión. O obxectivo é unha arquitectura tecnolóxica que facilite a docencia, a investigación e a axilidade administrativa.
Hai intención de continuar con SIGMA ou pode considerarse unha volta a xescampus?
Non contemplamos unha volta a Xescampus nos termos en que funcionaba no pasado. Pero tampouco asumimos que a situación actual con SIGMA sexa o punto de chegada. O que propoñemos é unha saída seria e viable: primeiro, estabilizar o sistema e corrixir as incidencias que están a prexudicar á comunidade universitaria; despois, definir unha folla de ruta que lle dea á UVigo máis capacidade de decisión, máis control funcional e unha xestión máis modular e adaptable ás súas necesidades. As decisións neste ámbito non poden tomarse por inercia nin por nostalxia, senón con criterio técnico, planificación e pensando no servizo que precisa a universidade.
Que opina sobre a dotación do noso servizo de Prevención de Riscos? Vai reforzarse ou seguirá a tendencia de externalización de servizos actual?
A nosa idea é a de reforzar e profesionalizar o Servizo de Prevención cun plan anual por campus, cunha estrutura mínima estable e uso do apoio externo só como complemento especializado e temporal con transferencia de coñecemento. Esta estrutura incluirá ergonomía e riscos psicosociais, calendario público de formación e coordinación sistemática.
A negociación da próxima OPE comezará pouco despois das eleccions. Como formula a introdución da promoción interna na mesma e que planificación existe a medio e longo prazo?
Como dícía antes, o noso obxectivo é desatascar a estrutura administrativa e acabar co estancamento profesional. Temos un problema de cobertura de vacantes por non dispor de persoal nalgunhas escalas superiores. Temos este problema porque non permitimos progresar profesionalmente a ese persoal durante os últimos anos e, sen embargo, en todas as escalas dos subgrupos C1 e C2 o persoal está sobrecualificado e a meirande parte dispón de titulación universitaria. Isto é un tremendo paradoxo.
O primeiro paso para avanzar na remuda xeracional, antes de contemplar outras medidas, terá que ser obrigatoriamente o de ofrecer oportunidades ao persoal que leva moitos anos sen dispor delas. Teremos que facelo con procesos xustos e temarios adecuados, aproveitando a experiencia adquirida polo persoal e sen tensionar en exceso o funcionamento das unidades.
A escusa para a paralización da carreira horizontal na UVigo foi sempre o seu custo, que non financia a Xunta. Que opina desta cuestión?
O actual equipo de goberno non puxo esta escusa nos últimos anos para outras iniciativas de natureza similar. O noso programa compromete implantación sostida e calendarios, e deixa claro que debe ser plurianual e sostible no marco normativo e orzamentario, con avaliación do desempeño simple e con garantías. A clave é saír do bloqueo con fases, regras e previsibilidade, evitando que a carreira dependa de decisións puntuais ou discrecionais que so serven para estimular o clientelismo na UVigo.
Como pensa incrementar a participación do PTXAS na gobernanza da universidade? Como van participar no seu anunciado proceso de automatización de procedementos?
Haberá unha medida directa no programa que recollerá a participación efectiva do PTXAS en órganos e comisións de deseño e mellora de servizos, con mecanismos de consulta e con retorno e recoñecemento desa contribución.
A automatización farase coa lóxica do Plan Operativo de Tansformación Organizativa, primeiro redeseño de proceso, estándares e roles; logo automatización con medición de impacto. Este plan estará liderado por compañeiros con experiencia en procesos similares.
Pode garantir que non se van realizar recortes nos actuais días concedidos por diversas causas? (Carnaval, semana santa...)?
O noso programa non entra a ese nivel de detalle nin, por suposto, en recorte de dereitos. A nosa liña é coherente co seu espírito, é dicir, regras claras, previsibilidade e garantías, evitando decisións improvisadas que se pagan en calidade do servizo e desgaste do PTXAS. A organización do tempo e a conciliación abordaranse cun marco común, con negociación e con procedementos trazables, non con recortes unilaterais.
Levamos oito anos agardando por unha nova RPT. Como ten previsto encamiñar o proceso para a súa actualización que xa é apremiante? Cales serán os pasos a seguir e o seu cronograma? Cal será a participación do PTXAS?
O programa, como é lóxico, inclúe a unha modificación integral da RPT que -a ninguén se lle escapa- é absolutamente necesaria e que debe servir para construír o modelo de servizos que precisa a UVigo para o futuro, non só para ordenar o que procede do pasado.
No primeiro semestre é posible facer un mapa de riscos de servizo, un protocolo pactado de coberturas e unha mesa técnica de PTXAS cun calendario pechado. No primeiro ano poderase definir a base técnica, é dicir, cales son os procesos críticos, os roles, os indicadores de carga e fixar uns criterios obxectivos. A partir de aí, 2028–2029, é tempo de abondo para presentar unha proposta cunha memoria económica e un plan de transición, que poderá executarse por fases e modificacións parciais priorizadas sen ter que agardar a unha implantación global nun so paso.
Ten previsto a normalización de todos os postos que agora se levan a cabo con contratos en precario ou incluso bolseiros pero en realidade son estructurais?
Se un posto é estrutural, debe ter cobertura estrutural. Isto forma parte do esforzo de actualización da RPT, que require unha diagnose funcional e de cargas para facer as modificacións con criterios obxectivos. Farémolo por fases e prioridades, empezando polas áreas críticas, para evitar parches perpetuos.
En canto a cobertura de baixas e ausencias do PTXAS, como entende que se debe realizar? (Tempos, criterios de cobertura)
A falta de cobertura de ausencias e vacantes non é un problema do servizo X. É un risco para toda a institución. É necesario aplicar uns criterios pactados de continuidade do servizo, establecendo uns prazos mínimos para as coberturas. Ofrecer soporte material e tecnolóxico a área de recursos humanos de PTXAS será tamén clave para axilizar os procesos e, por suposto, modificar os protocolos de chamamento ao persoal de listas, introducindo ferramentas dixitais que os aceleren, obxectivicen e modernicen.
Ten plans específicos relativos ao PTXAS para os campus de Ourense e Pontevedra?
Si. O noso proxecto insiste na equidade multicampus en varias claves, como por exemplo esta. Non hai campus de segunda velocidade na concepción da UVigo que temos. Isto implica reforzos selectivos nas unidades con maior sobrecarga, criterios de cobertura e substitución que non penalicen os campus, e unha organización de servizos compartidos con garantías, evitando a centralización cega. Ademais, priorizaremos melloras de procesos e ferramentas que reduzan trámites e retraballo precisamente onde máis se nota a falta de dotación.
Que medidas ten pensado introducir respecto a conciliación?
Cando falamos de conciliación non falamos só dunha medida social. No programa falamos de como se organiza o traballo para non vivir en urxencia permanente. Iso implica planificación de picos e substitucións, dereito á desconexión e horarios respectados e reparto das cargas para evitar que recaian sempre nas mesmas persoas. A isto sumamos o teletraballo cando proceda e flexibilidade responsable, cun marco común e indicadores anuais para revisar e corrixir o que non funcione.
Que medidas se van tomar en canto a infraestruturas? Consideran o deseño dun plan de choque de mantemento?
Temos un problema serio de mantemento en edificios, laboratorios e instalacións, que nos últimos anos derivou nun deterioro preocupante. Reverter esta tendencia debe ser unha prioridade orzamentaria, porque o custo de non actuar medra co tempo e afecta directamente á docencia, á investigación e ás condicións de traballo.
Por iso propuxemos no último Claustro en Vigo -e no noso programa- un plan plurianual de mantemento con inventario de activos, responsables, calendario público trimestral, prazo estándar para micro-actuacións e un procedemento único de priorización, con piloto por campus e indicadores públicos.
De existir segunda volta nas eleccións e darse as circunstancias, se uniría a unha das outras dúas candidaturas?
O noso programa define unha identidade clara. Non é un catálogo de medidas, senón un proxecto avaliable con feitos e unha forma de gobernar con solvencia capaz de deixar atrás a improvisación destes anos. Agora mesmo estamos centrados en presentar un proxecto sólido para a Universidade de Vigo e en explicalo á comunidade universitaria. Se se dera unha segunda volta, habería que analizar o escenario que saia da primeira, pero o importante é que a universidade conte cun proxecto claro e viable.

Por unha Universidade de Vigo na que o PTXAS sexamos peza clave.
